Toda historia ten un lugar…

Algún sabio dixo unha vez “toda historia de fantasía ha ter un mapa”. O máis curioso foi que eu non o pensara até ese momento mais, sen sabelo, na miña cabeza estaban todos eses malditos lugares, costas, ríos, lagos, mares, fins do mundo… e así foi como, sen querelo pero estando, apareceu o mapa do ‘mundo’ de Bran.

No primeiro tomo viaxaremos dende o Palacio Áureo de Elawei até a Terra de Alba navegando polas salvaxes correntes do Río Cofí. Visitaremos os acantilados que se erguen sobre o Mar do Norte e salvaremos pedras que emerxen das altas mareas para chegar ás praias dominadas por Lesmas de mar e Dragóns Peludos. Todo ese esforzo para acabar metidos nunha batalla a morte entre a tribo dos Pictos e as tropas demoníacas da Terra da Nada capitaneadas polo Nigromante Aaru e a súa armada de aeronaves.

Parece pouca cousa para ollos acostumados a ver (e a ler) fantásticas historias de aventuras pero…a quen lle toca ‘padecer’ todo isto é a un pobre mozo chamado a tomar o control da cidadela dourada pero que, tras a Revolta dos Mestres, só é un prisioneiro máis que chora por unha brisa de aire fresco.

E, talvez, todo isto só vaia diso. Dun húmido e fresco vento que emerxe do mar e que bate nas nosas facianas para traernos arrecendos, emocións e estúpidos contos de vellas que pensábamos esquecidos.

Benvidos ás Crónicas de Bran.