..8.. Na fina liña entre o ben e o mal: Môrrigan

Môrrigan é o druída da nosa historia e un dos máis respectados no grupo de Mestres de Elawei. Ao igual que Curuxa é de orixe picta, procede da terra de Alba e na viaxe cara a esas costas verdes e salvaxes, correspóndelle facer o papel de mentor e protector de Bran. O seu comportamento co mozo é afable e cordial mais a súa face está permanentemente ensombrecida pola negra silueta do corvo.

..9.. O vórtice da historia: Elawei

O Palacio Áureo de Elawei é o epicentro deste primeiro libro. Esa cidadela de paredes labradas en ouro, e que chanta a rochosa estrutura da Montaña Sagrada, é o punto de partida da historia e, tamén, a fin do camiño. Os seus habitantes viven baixo o mandato do Forxador, pai de Bran e descendente directo dos Primeiros Homes, unha existencia plácida e baleira afastada do resto do mundo pola fronteira natural que conforman as Tres Cascadas. Mais case sempre, e esta aventura non ía ser menos, non hai fronteira que non se poida romper.

..10.. O lado escuro: Toda historia ten os seus malos

Lord Daru e os guerreiros demoníacos forman o exército da Terra da Nada, a forza armada dese inferno. Alí reina a diabólica deidade Donn observando o acontecer das vidas humanas dende o seu xélido deserto. Os estériles riscos da Terra da Nada esténdense sobre a linde do horizonte, alí onde o mar desemboca na xigantesca cascada da Fin do Mundo e se perde na negrura infinita do cosmos.

..11.. O mensaxeiro entre mundos: O corvo

Como ten que ser nunha historia de fantasía épica, Bran é un mozo novo cheo de inseguridades e medos que xusto cando ten que demostrar a súa madurez ante os seus pais, vese arrastrado a unha inesperada travesía pola Revolta dos Mestres. Este asustado rapaz será o noso guía nunha aventura chea de maxia e batallas, de monstros e heroes na que estará acompañado en todo momento polo seu tótem, o corvo.

Comeza a conta atrás: O espírito da Curuxa


Un dos fíos condutores da saga será a “Mestre Carteira”, a Señorita Curuxa, que compartirá escenario, durante toda a historia, con outros actores fixos como o propio Bran ou Môrrigan. Ben é certo que no primeiro tomo adoptará unha personalidade entrañable e até cómica ás veces mais, co transcorrer da trama e sobre todo no segundo volume, a complexidade e o dramatismo da súa figura e o pasado que arrastra con ela, converterán a esta solitaria muller nun gran libro con moitas páxinas por ler.