Presentación na Livraría Suévia

Foi unha tarde chea de chuvia e, a última hora, algo de friaxe pero estivemos realmente cómodos e o ‘noso aire’ na Livraría Suévia. Era a primeira vez que mostrabamos a Bran nunha libraría e, o certo, é que foi un ‘gustazo’ contalo no seu entorno natural.

Houbo varios motivos que nos levaron a comezar o ‘Tour Entre os Libros’ na Suévia. Primeiro, a marabillosa acollida e facilidades que nos deron dende o primeiro momento (aínda sen o libro en distribución) e, segundo, porque nós somos do barrio dende sempre e había ganas de botar o corvo a voar polo Agra do Orzán.

Presentación no Curral do Marqués

Era algo que morría coas ganas de facer. Falar de Bran en Taragoña, a miña aldea, o lugar que servíu de inspiración para moitas das paixases e dos entornos que forman o mundo destas Crónicas. E o lugar escollido para facelo non puido ser mellor, tan só hai que fixarse no fermoso escenario que era o Curral unha hora antes de comezar a charla.

Non houbo moita xentiña mais non era o que procurabamos. Ante todo había unha necesidade emocional de levar a Bran até alí e tamén foi a única oportunidade de facelo ante a miña familia e amigos da nenez. Aínda así, non faltaron os momentos finais de responder preguntas e asinar algún exemplar da novela.

Presentación no Joana’s Place

Foi unha noite especial. Por moitos motivos pero, se hai que destacar algún, destacariamos estar rodeados dos nosos amigos. Tocamos o libro físico por vez primeira, sentámonos diante da nosa xente e contámoslles que era iso no que andivemos perdidos durante case un ano. Foi o arranque, o punto de partida, agora comezaremos o percorrido por librarías e espazos que nos queiran acoller e deixarnos contarvos a todos de que vai esta aventura.

..1.. O cantar do mar entre as pedras

Un fresco bafo que emerxe da verde matogueira coa que se cubren os salvaxes outeiros. Unha branca brétema que se deixa escorregar polas molladas pedras da beiramar, resistíndose á quentura do sol que loita por arrincala da herba dos acantilados. Así son as costas da nosa terra, as que me viron nacer e medrar, as que marcaron, coa súa marusía de recordos, todas e cada unha das páxinas desta aventura. Benvidos ás Crónicas de Bran.

..2.. O control dos ceos: Cepelíns

Unha constante en toda a novela é a demostración infinita de forza que supón ter o poder de voar. As máxicas invocacións de Curuxa e Môrrigan para transformarse en aves, o maxestuoso voo do Dragón Roxo cando emerxe do interior da Montaña Sagrada… Mais se algo sorprende nesta primeira parte das Crónicas, se hai unha cousa que infunde asombro e temor á vez, é a travesía aérea dos cepelíns comandados polo Nigromante Aaru.