III Encontro da Nova Fantasía Galega

Este Domingo 28 de Abril estivemos na XXXII Feira do Libro de Compostela para formar parte do 3º Encontro da Nova Fantasía Galega. Facía case un ano exacto dende o primeiro que fixéramos na Creedence Rock da Coruña e, sen embargo, parece que pasou media vida. Ás veces é complicado asimilar tódalas cousas que poden chegar a pasarnos nun curto espazo de tempo.

Nesta ocasión, a escusa foi a presentación das novidades literarias de Urco e Contos Estraños Editora. E, en quendas de quince minutos, alí nos mostraron as súas criaturas Ariza Piñeiro (Contos de soños e sombras), Vanesa Santiago (Ninguén lembra), Tomás González Ahola (Galiza mutante: Poder Nuclear) e eu mesmo coas Crónicas de Bran.

O remate da nosa exposición, tivemos ocasión de debatir coa xente que nos acompañou sobre a situación actual da Fantasía en Galego e como se podería mellorar ou, cando menos, potenciar a súa presenza no escenario literario en Galiza. Houbo tamén oportunidade de charlar cos lectores e asinar algúns exemplares.

Non é aínda momento para anunciar nada pero tamén xurdiron interesantes propostas para facer novos proxectos durante este ano e a oportunidade de volver á Feira o vindeiro Sábado 4 de Maio. Nesta ocasión o noso anfitrión será o stand de ‘Ler Librerías’ Santa Comba, no que estaremos asinando exemplares das 19:00 ás 20:00 horas.

1ª posición no Taboleiro do libro galego (VIII)

Se fai dúas semanas sorprendíanos a nova da nosa quinta posición na sección de Narrativa do Taboleiro do libro galego, hoxe foi un despertar a un soño, non de un soño. Revisando de xeito rutinario o Facebook, atopeime cunha felicitación do meu camarada Roberto A. Rodrígues. O principio pensei que aínda non rematara de espertar e que nos daba os parabéns polo noso 5º posto mais, fixándome no enlace que engadía, axiña me decatei que o Taboleiro ao que facía referencia era o de hoxe e que non estabamos de quintos, non, somos os primeiros!!!

“Caderno da Crítica – Taboleiro do libro galego (14 ao 27 Abril)”

Feira do Libro de Ferrol

Pois aló nos coamos (literalmente) e pasamos case dúas horas no Cantón de Molíns o Sábado polo serán. Só foi necesaria unha chamada de dez minutos (a última hora o Mércores pola mañá) para que a fantástica xente de Central Librera Dolores nos permitira “invadir” o seu stand e compartir cos ferroláns as máxicas aventuras de Bran.

Non hai moita presenza da literatura galega na Feira de Ferrol (aínda que aí estaba Libraría Cartabón facendo de bastión irredutíbel) e nin que dicir do xénero fantástico… Mais contamos coa visita de algún seguidor de Contos Estraños que contaba no seu haber co número 1 e o 3 (na foto de arriba) e con unha acollida moi positiva ante a nosa proposta. De feito, os cinco exemplares que levamos despachámolos na hora e media que tivemos montado o noso curruncho.

Outra cousa que me sorprendeu (moi gratamente) foi que, deses cinco libros, dous os levaron rapaces de doce – catorce anos e, debo engadir, que foron os clientes máis esixentes, lendo a sinopse do libro detídamente e preguntando pola trama e polos protagonistas da historia.

Despois de esta parada técnica, agora si que si, o vindeiro domingo o III Encontro da Nova Fantasía Galega dentro da Feira do Libro de Compostela!

Presentación n’Á Lus do Candil

Continuamos coa nosa ‘xira’ polas librarías para achegar á xente a nosa obra canto nos sexa posible. Nesta ocasión estivemos na única libraría de Arteixo, “Á Lus do Candil”, onde Modesto e Alba fan un grandísimo traballo creando un espazo única nesa vila. Só hai que mirar o entorno tan marabilloso que teñen disposto para as presentacións, charlas e todo tipo de actividades (incribles as que desenrolan para os máis cativos).

Modesto preparouse un completísimo guión que nos serviu para esmiuzar todos os detalles da novela: conflitos sociais, mitoloxía celta, localizacións da obra, o papel de cada protagonista na trama, a loita entre o ben e o mal… Con esta base estivemos charlando durante case unha hora e aínda tivemos tempo para unha rolda de preguntas (onde fixeron a máis interesante para o meu gusto no que vai de presentacións: Cantas mulleres hai na novela e que papel xogan?) e para coñecer xente apaixoante como José Estévez o autor de “Fugar coincidencia”.

Seguinte parada, a Feira do Libro de Compostela o Domingo 28 de Abril ás 19:30!

Aparecemos no Taboleiro do libro galego (VII)

Hoxe levei unha moi agradable sorpresa. ‘As Crónicas de Bran’ aparecían no blogue Caderno da Crítica na 5ª posición no apartado de Narrativa. Este blogue publica quincenalmente a lista de libros máis vendidos en galego, elaborada coa colaboración de dezaseis librarías. Imaxinádevos o “subidón” que é ver a Bran dentro desa lista despois da súa primeira semana de vida pública. Grazas a tod@s @s que mercástedes un exemplar!

“Caderno da Crítica – Taboleiro do libro galego (1 ao 13 Abril)”