Presentación na Libraría Carricanta

O pasado Venres 24 de Maio fixemos unha visita a unha cidade á que persoalmente gardo moito cariño (pola cantidade de fins de semana pasadas ao sol nas súas terrazas despois dunha ruta en moto ou polo seu corazón antigo, tan cheo de fermosos currunchos). Si, deixámonos caer por Betanzos e non podía ser a un local mellor que á Libraría Carricanta que acaba de abrir Carlos non fai moito.

Foi unha das presentacións na que tivemos máis xentiña e na que falamos máis detidamente do trasfondo místico da novela. Houbo moitas preguntas sobre celtismo, mitoloxía e de onde saía todo o simbolismo que agochan (e amosan nalgúns parágrafos) as páxinas destas Crónicas.

Como ven sendo habitual, falei sobre a orixe da novela e sobre os relatos curtos que, dalgún xeito, conformaron a semente do libro: ‘O ollo do corvo’ e ‘Os últimos de Landeiras’. Demos algunhas pistas sobre o segundo volume e suliñamos a importancia dos protagonistas no desenrolo da trama e por riba do xénero ‘fantástico épico’ do libro.

Feira do Libro de Lugo

Foi un Sábado de moita chuvia este que nos tocou pasar en Lugo. Chegamos ás 11:00 da mañá e, tras buscar sitio para aparcar (e desconfiar media hora de todas esas prazas sospeitosamente dispoñibles de carga e descarga…), entramos na Praza Maior para atoparnos coas sete casetas ‘agochadas’ nun dos laterais da devandita praza. O tempo non acompañaba pero é que Lugo estaba baleiro hoxe e a xente, que por aló quedaba, non fixo demasiado por achegarse até a Feira. Tan pronto entramos na área das casetas atopámonos, como non, con Gonzalo da Libraría Cartabón resistindo as inclemencias do tempo e a pasividade dos lugareños. Despois dunha agradable charla con él (e facer volver á vida a televisión que se negaba a proxectar os vídeos de promoción) xa nos xuntamos con Tomás González Ahola e David Cortizo que chegaban para preparar a presentación.

Foi un gustazo compartir de novo mesa con Ariza e Vanesa (aínda que botamos en falta a Fernando Cimadevila que tivo que atender outros compromisos) e escoitar e charlar de e sobre os nosos respectivos libros. Tamén foi un auténtico pracer coincidir de novo con José Estévez e coñecer “in person” a Puri Ameixide.

O tempo, como dicía antes, non acompañou e xusto no comezo da charla empezou a ventar e a chover con forza. A pesares diso, os asistentes aguantáronnos durante unha hora e aínda tiveron ganas de participar na quenda de preguntas onde falamos das nosas inspiracións, musas e do que desexamos transmitir aos lectores coas nosas historias.

Por sorte puidemos gozar do momento máxico de asinar un exemplar a alguén que se interesa por ler o que se nos dou por soñar e plasmar nun papel.

Presentación na AVV Atochas-Monte Alto

Este Xoves 16 de Maio, anteporta do Día das Letras Galegas, pasamos o serán coa xente da Libraría Sisargas, co creador do blogue “KindleGarten.es” e cos amigos e familia que se achegaron até a AVV Atochas – Monte Alto. Foi unha reunión que, sen darnos case conta, durou máis de unha hora e media e na que, ademais de falar moito de Bran, parolamos sobre as influencias que a historia (tanto a pasada como a que nos toca vivir a cada un de nós) ten nunha novela por moito de fantasía épica que esta sexa.

Conversando con Rober da Sisargas (máis ben case interrogados até que conseguiu o que procuraba…), profundizamos nas motivacións das personaxes da novela, na súa situación na historia e cales eran as razóns que as impulsaban a tomar un ou outro camiño o longo da trama. E así chegamos á conclusión de que nesta historia, como en calquera outra, a importancia da alma e o ser dos protagonistas é o que convirte en humano e próximo un conto escrito nun papel. E grazas a esa conclusión, Rober prometeunos que lle daría unha lectura a pesares de ser dun xénero que, a priori, non é dos que adoite ler.

Ademais, como colofón desa agradable tarde, tivemos o pracer de coñecer a Tomás (o artífice da web KindleGarten.es) que hoxe mesmo elaborou a primeira e completísima reseña da nosa novela. “Reseña en KindleGarten.es”