Charla na Libraría Cartabón

Este Venres 14 de Xuño fixemos unha visita a unha libraría que apostou (e apoiou) o proxecto Contos Estraños desde o seu primeiro número cero, alá xa polo inverno do 2.011. Fomos á Libraría Cartabón.

Saímos xustos d’A Coruña e tivemos que facer unha parada ‘técnica’ en Compostela co que chegamos a Vigo ás 19:15… Era Venres e última hora da tarde así que o tráfico estaba como estaba. A iso das 19:40 comecei a hiperventilar ao volante e decidimos meternos directamente nun parking. Unha vez deixamos o coche aparcado, chegamos á libraría e atopámonos con Fran Zabaleta ao que non víamos desde a Feira d’A Coruña do ano pasado (xa choveu…). Gustoume moito como ten Gonzalo a libraría. Moderna pero acolledora e, sobre todo, moi aproveitada e funcional. Era a miña primeira visita ao local, aínda que a miña irmá ten un piso pola zona e xa me tivera ao tanto da reforma. Saímos un ratiño á terraza de enfrente, tomamos unha birra fresca e volvimos á libraría para pórnos ao tema.

O certo é que non me esperaba tanta xente, foi unha gratísima sorpresa xa que as presentacións sempre son unha incógnita até que te sentas na mesa e arrancas coa charla. Seguín o meu “guión” habitual de contar un pouco de min e dos meus comezos en Contos Estraños, de explicar o tema, a ambientación e as fontes das que bebe a novela e rematei falando de quen somos os que logramos dar forma ao libro físico que vai parar aos andeis das librarías: a portada de José María Picón, as ilustracións de Kaiser, o meu texto, o traballo de Tomás, Ferny e David… todo iso xa me deu para estenderme durante case unha hora…

Para rematar, puiden disfrutar dese momento tan doce e que tanto me gusta que é asinar algún exemplar e inventar unha adicatoria personalizada…