Preparación do novo volume

Pois continuamos co traballo para ter preparado o novo libro nos prazos que temos previstos. José María Picón xa rematou a ilustración (e o deseño completo) da cuberta e o resultado non podía ser mellor. Se a tapa da primeira parte das crónicas vos gustou, esta vai resultar realmente espectacular. Penso que transmite, a nivel visual, a evolución que experimentou o texto e o contido da narrativa. Este segundo libro continuará a aventura no mesmo punto no que a deixou a primeira pero, ademais, profundizará nos motivos de cada un dos personaxes e no porque dos seus actos. Explicará os detalles da historia de cada unha das faccións de deuses e como teceron os enredados fíos das súas relacións. Veremos como se comporta o novo grupo de poder en Elawei e como Bran parte na procura de algo (máis ben alguén) que dea unha razón de ser á súa transformación. Por outra banda non será o único que se embarque na busca da liberación e viviremos unha perigosa viaxe até o Cabo Barbudo, acompañando a Môrrigan na súa particular peregrinación e na que arrastrará aos poucos amigos que lle quedan vivos. O último compoñente de esta historia triangular será o Mestre Reloxeiro. No último capítulo d’A revolta dos Mestres deixáramolo co descubrimento do agocho de Cronos, nas profundidades da Montaña Sagrada. Na segunda parte da triloxía seremos partícipes da súa excitación ante as revelacións que o Deus comparte con el e que o empurrará a unha viaxe sen retorno a través do Mar do Norte. Todas estas liñas argumentais converxerán no punto de destino, no limiar entre mundos, na Porta de Annwn.

Pero xa está ben de “spoilear”, que logo din que destripo todas as novelas. Esta semana meterémonos de cheo coa preparación das ilustracións interiores. De esta volta serán nove (unha para cada un dos primeiros capítulos, xa que son dez en total) e contamos co traballo de José Ángel Ares, un artista que xa colaborou en varios números de Contos Estraños, ilustrador d’As aventuras do Apalpador, de Galiza Mutante e do cómic “Rosa y Javier”. Así que, xa vedes, non falta moito para que a continuación das aventuras de Bran, Curuxa, Môrrigan, o Reloxeiro, o Dragón Vermello e Nash cheguen ás librarías.

Ah, esquecíame de un pequeno detalle. Tentaremos engadir un “agasallo” xunto con este segundo número. Un epílogo especial (en forma de novela curta) pechará o libro. A orixe de O Solla (protagonista no meu primeiro relato ‘O ollo do corvo’ e tamén en ‘As bágoas de Neixón’) será contada e desvelada aos ollos de todos os que vos quedastes con ganas de saber como chegou ese vello a se converter nun despiadado asasino.

Seguirei informando do progreso e dos avances nesta preparación d’A porta de Annwn.