Feira do Libro de Compostela

Este Domingo 27 de Abril formamos parte dun novo Encontro de Literatura Fantástica organizado por Contos Estraños e Urco Editora. As dúas editorias presentaron as súas novidades e demostraron que continúan a facer unha labor inmensa por dar saída a todo o que se está a escribir en Galiza nos xéneros da fantasía, o terror e a ciencia ficción. Pola nosa banda, ademais de presentar o segundo volume da triloxía, tivemos a gran sorte de coincidir con novos lectores na caseta de Editores de Compostela. Sempre é unha satisfacción estar presente no momento no que o libro pasa dos andeis ás mans da xente que, en definitiva, é onde desexamos que estea e que lles aporte un chisco de fantasía e maxia ós seus momentos de lectura.

Presentación no Brea Segade de Taragoña

Pois case un ano despois de facer a primeira tentativa de presentación en Taragoña, temos a gran oportunidade de formar parte dun ciclo de charlas que organiza o C.E.P. Brea Segade. Así que, grazas á xente da súa biblioteca (e ao seu afán de facer chegar a cultura os cativos e as súas familias), aló imos de novo. Non hai que dicir que levar a Bran a Taragoña é algo que nos enche de ilusión. Compartilo coa xente e o lugar que foi inspiración para a obra vai ser algo moi, moi especial.