Primeira presentación do derradeiro volume

Cartaz_Passepartout

Xa quedan só tres días para que chegue a primeira presentación e, con ela, os nervios, a ilusión de ter o libro físico nas mans e as gañas de compartir ese momento cos amigos. Porque si, non nos enganemos, na presentación haberá só amigos. Os mesmos que nos acompañaron case desde o principio porque, curiosamente, aqueles e aquelas que amosaron interese polo noso proxecto, fixérono co primeiro volume e non nos abandonaron nestes dous anos. Se botamos unha ollada ao pasado, debemos recoñecer que pensabamos, ou desexabamos, que habería unha liña ascendente na participación das presentacións, non unha cousa abraiante mais si un pequeno incremento que nos fixese crer que estabamos a facer as cousas ben ou, cando menos, que as aventuras de Bran estaban a gustar. Obviamente non foi así malia que si hai que admitir que coñecimos moita xente nova polo camiño e que, todos eles, pagan moitísimo a pena.

Presentación no Brea Segade de Taragoña

Pois case un ano despois de facer a primeira tentativa de presentación en Taragoña, temos a gran oportunidade de formar parte dun ciclo de charlas que organiza o C.E.P. Brea Segade. Así que, grazas á xente da súa biblioteca (e ao seu afán de facer chegar a cultura os cativos e as súas familias), aló imos de novo. Non hai que dicir que levar a Bran a Taragoña é algo que nos enche de ilusión. Compartilo coa xente e o lugar que foi inspiración para a obra vai ser algo moi, moi especial.