Primeiras presentacións deste verán

Esta pasada fin de semana viaxamos até o Sur para presentar a nosa triloxía. O Venres polo serán estivemos en Vigo onde, despois de padecer unha viaxe en coche a máis de 35ºC, tivemos a sorte de coñecer a Sabela González, a creadora das Crónicas de Landereina, e volver a pasar un bo rato cos nos amigos da Libraría Cartabón.

DSC_0733

Aló nos sentamos, Fernando M. Cimadevila e máis eu, para contar as liñas xerais da nosa historia e os seus protagonistas, dando unha visión completa dos tres volumes que conforman a aventura de Bran e a súa evolución desde que era un mozo a piques de alcanzar a maioría de idade até se converter na figura máxica á que o empurrara o seu destino. Falamos tamén da literatura fantástica en xeral, do seu momento actual e do papel que xogan escritores, críticos e lectores na complicada tarefa de lle dar vida a un libro.

O Sábado, despois de pasar unha noite chea de calor e dos recordos da tortilla, da orella, do xamón asado e da fabada (si, fabada) da cea, bordeamos toda a ría para chegar a Reboreda (a pouca distancia de Redondela) e visitar a Libraría A Carambola.

DSC_0760

Foi unha charla moi especial por dous motivos. Porque era a nosa primeira vez n’A Carambola e sempre fai ilusión estrearnos nun lugar novo e polo público que nos acompañou. Sempre falo da segunda lectura e o trasfondo que teñen as Crónicas de Bran. Sempre fago fincapé na crítica social e nos dramas que viven nas almas dos protagonistas da triloxía, tan máxicos mais tan semellantes a nós. Porén, non podo negar, que é unha historia de fantasía épica e que, polo tanto, o seu público principal é o xuvenil. Por iso, estar sentando diante daquelas mozas e mozos e explicarlles o porqué da triloxía, as súas orixes e influencias e, sobre todo, a importancia de poder escribir sobre o que nos define, sobre as nosas tradicións e mitos, foi realmente gratificante.

DSC_0764

En resumo, unha moi boa fin de semana chea de literatura, pizzas, calor, fabada… e conversas nocturnas cos amigos na terraza baixo a luz da Lúa, Venus e Xúpiter. Que máis se pode pedir.

1962800_863084830437362_7347112377205713645_n

Presentación na Libraría Suévia

Unha máis vez escollimos a Libraría Suévia para comezar a xira de presentacións de este ano. A nosa idea inicial é achegarnos até as Feiras do Libro de Ferrol, Riveira, Rianxo e A Coruña, desde Maio a Setembro. Ademais do camiño das Feiras, tentaremos percorrer as librarías que máis nos apoiaron durante estes tres anos e, seguramente, faremos paradas n’A Coruña, Arteixo e Vigo.

É unha sensación estraña poder falar da triloxía como un único libro (malia que, desde un principio, esa foi a idea, unha única historia contada en tres actos) e promete ser divertido contar a evolución destes tres anos aos lectores que se acheguen por vez primeira a estas crónicas. Vémonos entre os libros!

suevia1

suevia2

suevia3

Primeira presentación do derradeiro volume

Cartaz_Passepartout

Xa quedan só tres días para que chegue a primeira presentación e, con ela, os nervios, a ilusión de ter o libro físico nas mans e as gañas de compartir ese momento cos amigos. Porque si, non nos enganemos, na presentación haberá só amigos. Os mesmos que nos acompañaron case desde o principio porque, curiosamente, aqueles e aquelas que amosaron interese polo noso proxecto, fixérono co primeiro volume e non nos abandonaron nestes dous anos. Se botamos unha ollada ao pasado, debemos recoñecer que pensabamos, ou desexabamos, que habería unha liña ascendente na participación das presentacións, non unha cousa abraiante mais si un pequeno incremento que nos fixese crer que estabamos a facer as cousas ben ou, cando menos, que as aventuras de Bran estaban a gustar. Obviamente non foi así malia que si hai que admitir que coñecimos moita xente nova polo camiño e que, todos eles, pagan moitísimo a pena.