Achégase o final. Benvidos a ‘O Solpor dos Deuses’


Oito meses despois da última das anotacións nesta bitácora, volvemos deixarnos ver por aquí. E non podía ser para outra cousa que para anunciar a próxima saída do derradeiro volume desta triloxía. Oito meses é moito tempo mais estivemos enleados en outros proxectos (publicamos ‘Hostal Norte’ e rematamos de escribir ‘Negruña’ que sairá á luz no verán de 2016) e, non nos enganemos, é máis doado actualizar o Facebook que deterse a escribir en serio nesta a nosa casa electrónica.

Somos animais de costumes e faremos a presentación do terceiro libro como ven sendo habitual: no aniversario de Duncan e no bar de un amigo. Repetiremos a festa do ano pasado e será no Passepartout Beerhouse d’A Coruña o Sábado 7 de Marzo ás 20:30. Xa preparamos a música que poñeremos de fondo (tamén repetiremos o disco ‘Avalon’ de Sully Erna para crear ambiente) e, xa postos a repetirnos, Leo preparará a súa famosa e deliciosa tarta de Guinnes.

Xa non queda nada para telo nas mans. Quedará un pouco máis para que vexa os andeis das librarías porque, se acontece o de anos anteriores, pasará un mes e medio antes de que o Consorcio o poña en distribución. Mais só desexamos que, aqueles poucos e poucas que agardades a súa chegada, non vos sintades decepcionados con este derradeiro tramo da nosa viaxe e que gocedes tanto como nós o fixemos. Que gocedes con esta aventura que, ao tonto, estendeuse por máis de dous anos desde que se comezou a escribir ‘A revolta dos Mestres’.

Pasaron moitas cousas desde aquela primavera do 2012 na que se teclearon as primeiras frases da triloxía. Moito traballo “artístico” de creación de textos e ilustracións, moitas reunións para poñer en orde o material, ducias de presentacións e asistencias a Feiras do Libro (sobre todo o primeiro ano, aquel frenético 2013) e, por descontado, centos de horas para escribir ese case milleiro de páxinas que compoñen as Crónicas.

Chega o que é o máis escuro e triste dos tres libros. ‘O Solpor dos Deuses’ é o final da triloxía, si, mais tamén é o destino polo que loitaron os nosos protagonistas. Neste volume fálase da sorte que correu o Mestre Reloxeiro na súa Lúa Metálica (nese maquiavélico Artefacto de Cronos) e que maldades está a argallar a súa mente atormentada. Asistiremos ao remate desa estraña alianza formada polo Solla e por Bran e, desde un lugar privilexiado, contemplaremos a decadente civilización rexida pola Sacerdotisa e o seu amante, ese Dragón Vermello cada vez máis humano. Tampouco faltarán a esta cita os deuses que nos acompañaron desde o principio. Donn terá que enfrontarse á profecía que adiantaba a súa morte baixo as escuras ás dun paxaro de morte e Môrrigan non acaba de atoparse cómoda (nin realizada) no seu papel de deusa da guerra. Curuxa, o Navegante, Patrick… vellos coñecidos que nos mergullarán en violentas batallas contra o exército de mecanos de Cronos e contra as tropas da Terra da Nada, comandadas de novo por Lord Daru. Hai moito máis dentro das súas páxinas pero iso será algo que vos toca descubrir a vós.

Así que xa está. Só nos queda tomar aire e pararnos a pensar. Pensar se este ano volveremos encher a axenda con presentacións e visitas ás librarías e ás feiras, se aínda temos forzas para darlle a despedida que merece a esta historia que encheu os nosos soños durante case tres anos. Se as temos e vós queredes, verémonos no camiño.

Vindeiras citas

Xa era algo que tiñamos en mente e, ó final, estámolo a levar a cabo. Este ano tomámonos con algo máis de calma a ruta de presentacións e charlas. Desde que sacamos o segundo volume d’As Crónicas, pasamos por A Coruña (no Passepartout Beerhouse, en Maquinaria Pesada e na libraría Suévia), por Taragoña (na biblio do Brea Segade), por Rianxo (na Biblioteca Municipal) e, hai cinco días, por Sada (na Capela de San Roque, grazas á AC Irmáns Suárez Picallo). Non está mal pero é moito máis relaxado que o ano anterior. De aquí a Nadal temos varias datas máis nas que tentaremos achegar ó público esta triloxía e partillar o soño que escribimos nas súas páxinas. Polo de agora será, novamente, en Rianxo na Feira do Libro a finais de Xullo, n’A Coruña tamén na Feira do Libro o Domingo 10 de Agosto e tamén nos deixaremos caer por Pontevedra para visitar o Culturgal (se todo vai ben, presentaremos dúas obras, este segundo volume máis unha novela curta de terror). Vémonos na vida real…

Biblioteca Municipal de Rianxo

Onte, Sábado 24 de Maio, tivemos a sorte de pasar a mañá coa xente da Biblio de Rianxo e lles falar ós meus paisanos de que ía esta triloxía de fantasía. Coñecimos a xente nova que comparte a nosa paixón polos libros e lemos uns fragmentos do primeiro e do segundo volume. Non podemos deixar de dar as grazas a Adolfo, a Sofia e a Pablo, que ten coa súa nai a libraría que leva máis anos aberta en Galiza.


Un momento da charla, xunto con Fernando M. Cimadevila.


Despois da presentación. No cuberto da casa dos meus pais.

Feira do Libro de Compostela

Este Domingo 27 de Abril formamos parte dun novo Encontro de Literatura Fantástica organizado por Contos Estraños e Urco Editora. As dúas editorias presentaron as súas novidades e demostraron que continúan a facer unha labor inmensa por dar saída a todo o que se está a escribir en Galiza nos xéneros da fantasía, o terror e a ciencia ficción. Pola nosa banda, ademais de presentar o segundo volume da triloxía, tivemos a gran sorte de coincidir con novos lectores na caseta de Editores de Compostela. Sempre é unha satisfacción estar presente no momento no que o libro pasa dos andeis ás mans da xente que, en definitiva, é onde desexamos que estea e que lles aporte un chisco de fantasía e maxia ós seus momentos de lectura.