Protagonistas

Unha pregunta recorrente nas presentacións de libros é ‘o porqué dos nomes’. Supoño que ao lector chámalle a atención que os protagonistas teñan nomes pintorescos e que, por exemplo, non se chamen Xurxo ou Lola.

Nesta sección atoparedes o motivo, a razón de ser, dos nomes que se escolleron para os personaxes principais de “A revolta dos Mestres”. Os heroes, princesas e deuses que veredes a continuación non só marcaron aos seus homónimos na novela, tamén axudaron a crear un entorno, un universo, un fío condutor entre os acontecementos da nosa historia, aportando unha base de mitoloxía que, co paso das páxinas, esvaeceuse entre as néboas do Mar do Norte e as escuras galerías subterráneas de Elawei para se converter nunha lenda propia coa súa orixe e a súa fin.


Bran

Na mitoloxía celta, os corvos asócianse á guerra e aos campos de batalla baixo as representacións de Badb e Môrrigan. Outros mitos vinculan aos corvos ao deus galés Bran (cuxo nome tradúcese por “corvo”). Represéntase coma un xigante e rei dos bretóns nos relatos de Mabinogion. Segundo eses relatos, a cabeza de Bran foi enterrada no Outeiro Branco de Londres como talismán contra os invasores (isto non vos lembra algo á xente d’A Coruña?). Os corvos ocupan un lugar importante nos textos do século XII ou XIII (O soño de Rhonabwy sobre o exército de Owain mab Urien, un cabaleiro do Rei Arturo).

Na nosa historia, o corvo é símbolo das tribos que viven en contacto, e en equilibrio, coa Natureza. Veredes que algúns dos personaxes, grazas aos poderes otorgados por unha das faccións de deuses, os Fomoré, teñen a facultade de se transformar en aves.


A Curuxa

Forma parte do grupo de animais dos que se di anunciadores da morte e que, nalgunhas lendas como a do Home Paxaro do Barbanza, avisan aos desgraciados do seu próximo final. Xusto a talla de pedra do Home Paxaro, colocada na Praia da Torre de Taragoña, foi o detonante para o primeiro relato curto de Duncan “O ollo do corvo” editado no número 0 de Contos Estraños.

Ao ser un ave nocturna, achácanlle todo tipo de maldades como que tamén pode ser unha bruxa transformada e que, ademáis de predicar a morte, pode traer outras desgrazas. Asóciaselle o demo, que entra nas igrexas a beber o aceite das lámpadas ou que se lle ves a cara é que estás morto.

Todos eses arrepiantes contos distan bastante do carácter apoucado, feble e bondadoso da nosa Mestre Carteira, a Señorita Curuxa. Aínda que, os que leades estas crónicas, seredes testemuñas do seu achegamento á escuridade co percorrer da aventura.

Morrigan

Conta a mitoloxía celta que, durante unha cruenta batalla, os guerreiros quedaron paralizados ante a aparición dunha fermosa muller, de cabelo gris e ollos ardentes de ira. Baixo os seus pés, innumerables corpos de homes mortos xacían enchoupados nun baño de sangue. Un dos guerreiros achegouse a ela e preguntoulle se matara a todos aqueles homes. Ela respondeulle que non, que eses homes aínda non morreran, que o farían ao chegar a noite e que ela só viña a limpar o seu sangue. Mirou fixamente ao guerreiro e preguntoulle se non recoñecía, entre os cadáveres, aos homes que o acompañaban e a el mesmo morto nos seus brazos.

É a deusa da destrución e a morte. Represéntase con grandes armaduras e armas. Está presente en tódalas batallas onde adopta a forma do corvo ou da pega. O seu papel na guerra é infundir nos soldados toda a forza e ira que precisan para loitar. O seu nome tradúcese por “Gran Reina” ou “Reina Espectral”. É a deusa da morte pero, na mitoloxía celta, a vida e a morte están moi ligadas e, polo tanto, é tamén un símbolo de renovación, a morte que da a luz a unha nova vida. Por iso tamén se vincula ao amor e á fertilidade. Môrrigan pertence aos “Thuatha dé Danann”, seres máxicos que habitaron Irlanda antes dos irlandeses actuais (Os Primeiros Homes das Crónicas de Bran) e que sempre están en loita coa outra estirpe de deidades, os Fomoré.

Usar este nome para o mago principal da historia é todo un xogo de palabras e significados. Inicialmente ía ter o nome doutro mago de moita sona (admítense apostas) pero para non influír no lector con arquetipos artúricos (xa imaxinaredes agora de quen se trataba), mudouse a este porque combinaba os nomes de Morgana e Breogan, aparte de toda a connotación aos Primeiros Homes e ao tótem do corvo que aparece reiteradamente no texto.


Lugh

Durante toda a novela escoitase a exclamación e xuramento “Por Lugh!”. É a deidade máis importante para os celtas pero non é o seu deus supremo. Pertence aos “Thuatha dé Danann” por parte de pai. Significa “branco”, “luminoso” e considérase vinculado co sol (aínda que sen chegar a ser deidade xa que o sol era unha deidade feminina para os celtas). Foi caudillo dos “Thuatha dé Danann” e os liderou á vitoria matando ao seu propio avó Balar (principal deidade dos Fomoré). Asóciase con un grande número de lugares: Lugones, Lugas e, por suposto, Lugo.




Dagda

Deus supremo dos celtas. É o deus pai, o pai de todos, protector da tribo e primeiro dos druídas. Ás veces, nos contos irlandeses, é obxecto de burla polo seu carácter benévolo e paternal. Represéntase moitas veces portando un gran caldeiro cheo de marabillas (precursor do concepto do Grial) e cun arpa máxica que, ao tocala, soa con aires de lamento, risa e morte.

Dado ese carácter de caudillo protector, escolleuse para ser o dirixente do poboado picto da Terra de Alba ao que chegan Bran e Môrrigan. Aínda que na novela achégase máis ao perfil do Lanceiro Brule, o compañeiro de Kull de Atlantis, con algúns centos de anos máis.


Donn

É o nome que recibe a nai (Dana) de tódolos deuses e foi ela a creadora da estirpe dos “Thuatha dé Danann”. Tamén se lle da este nome a “Donn O Escuro”, neto de Breogán que, ao morrer, instálase nunha illa rochosa e vaticina que ninguén poderá chegar ao Outro Mundo sen pasar antes pola súa morada. Deste xeito convértese no Deus dos Mortos e parada obrigada para todos os que tiveran que abandonar o mundo dos vivos. Na novela este é o papel que adopta o deus ao que serven as tropas demoníacas e Lord Daru. Como moitos outros personaxes do libro, a fisionomía de Donn afástase da mitolóxica céltica e está máis próxima á de Elric de Melniboné.


Eidlynn

A princesa celta Eithlinn aparece nos contos irlandeses cando se narra que Balar, Rei dos Fomoré, temendo a profecía Druídica que anunciaba a súa morte a mans do seu neto, encerra á súa única filla, Eithlinn, nun alto torreón que mandou construír na Illa de Tory e, deste xeito, aseguraríase que a moza non tería descendencia. Nin dicir ten que a fermosura da princesa era tal que a súa fama traspasou os muros da torre e fixo acudir a numerosos pretendentes. Un deles conseguiu conquistar á princesa e tiveron un fillo. Ese neno foi Lugh. A Eidlynn da novela é unha moza que tamén perdeu ao seu pai e que goza da esencia da natureza e todo o que a Nai Terra ofrece aos pictos. Para Bran, saído das profundidades da Montaña Sagrada, atoparse con ela foi absolutamente impactante.


Os pictos

Eran unha confederación de tribos que habitaban o norte e centro de Escocia (ao norte dos ríos Forth e Clyde) desde os tempos do Imperio Romano até o século X. Eran descendentes dos caledonios e outras tribos. Pictia ou Pictavia converteuse no reino de Alba (Escocia) durante o século X, co que os pictos convertéronse á súa vez en Albannach ou escoceses. Todos lembramos os pictos da literatura do mestre Howard e os seus relatos de Kull de Atlantis. Esa é xusto a natureza dos pictos desta novela.