Sobre nós

“As Crónicas de Bran” é un proxecto comezado en Marzo do 2012 por Xosé Duncan. As aventuras narradas nestas crónicas deixan entrever todo aquilo que encheu algúns dos relatos espallados en “Contos Estraños” e que, dun xeito ou outro, foron gañando corpo e alma até reclamar o seu propio espazo. Así, axexando nas sombras dos capítulos desta triloxía, pódense distinguir as ideas que inspiraron ‘O ollo do corvo’ e ‘Os últimos de Landeiras’, misturando as influencias de ambos relatos para construír un universo propio.

Para realizar a ‘carta de presentación’ da triloxía, os fantásticos deseños das tapas, o proxecto d’As Crónicas ten a gran sorte de contar con José María Picón, un artista que é capaz de plasmar, nun pequeno anaco de papel, toda a maxia e intensidade destas aventuras. Cando se achegan as datas de preparación e maquetación de un novo número da saga, sempre é unha marabillosa sorpresa recibir no mail as espectaculares portadas que este mestre da arte é capaz de crear.

Tras escribir os textos que relatan o primeiro libro destas crónicas, Duncan contacta con Kaiser Wilhelm para ver de convencelo a tomar cargo dos lápices deste volume. Non fixo falta moito para embarcalo nesta aventura e, o que podedes ver no interior d’A revolta dos mestres, é o resultado dun ano de traballo duro e de moitas horas perdidos na tarefa de perfilar, e mostrar antes os ollos dos lectores, os mundos intanxibles da fantasía.

Tras un 2013 cheo de charlas e presentacións e, despois da calma do verán, o traballo gráfico para o segundo libro corre o perigo de non chegar a ver a luz tras a marcha do que ía ser o novo debuxante das crónicas. Por sorte para o proxecto, José Ángel Ares aparece de súpeto, asumindo o risco de traballar contra reloxo para acometer a tarefa de debuxar as nove ilustracións que Duncan precisaba para A Porta de Annwn. Á vista do resultado, un só pode pensar que tería feito este mestre da tinta se chega a contar con algo máis de tempo.

Duncan
O seu mundo imaxinario repousaba placidamente até que se enrolou en Contos Estraños. Foi por pura casualidade (ou non…) que o seu camiño se cruzara, na Feira do Libro d’A Coruña do 2011, con Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola. Os dous estaban artellando a xestación dun marabilloso proxecto no que, por sorte para el, Duncan puido participar. Unha pequena porta abriuse entón no seu maxín e por ese escuro limiar coáronse escenarios e personaxes que, aos poucos, remataron por crear unha profunda fenda que xa non podería volver pechar. Tedes nas mans parte do seu Universo.



Kaiser
Carlos “Kaiser” V. Calviño, Naceu na Coruña no ano 77, rematou os estudos de ilustración na “escola de artes Pablo Picasso” no 2000, e dende entón estivo compaxinando os pequenos encargos, que recibía, coa hostalería. En 2012 coñeceu a Xosé Duncan, e embarcouse no proxecto “A Revolta dos Mestres”, que espera sexa do voso agrado.



José Ángel Ares
José Ángel Ares, 1979, Bilbao, residente en Compostela. Ilustrador de libros como Solomon Kane, Galiza Mutante ou As Aventuras do Apalpador. Creador da tira cómica ‘No eres tú, soy yo’ e coautor da novela gráfica ‘Rosa y Javier’. Email: joseangelares@gmail.com – Web: www.joseangelares.com




José María Picón
Vive no mellor barrio de Santiago DC (ou iso cre el). É de familia con tradición artística, signifique o que signifique iso. De pequeno quería ser debuxante, pero cos anos foi gañando en pragmatismo: comprendeu que a fotografía e o deseño manchaban menos. Un día tivo unha visión no supermercado ao comprender que as portadas as deseñaba alguén e, por riba, cobraban por facelo. Decidíu que él tamén podería (cobrar, o outro xa o sabía). Agora está pensando en facer cousas máis interesantes, pero aínda non se lle ocorreron.








Unha reflexión sobre “Sobre nós

  1. Pingback: Presentación de A revolta dos Mestres, primeiro libro da triloxía As Crónicas de Bran, de Xosé Duncan | Livraria Suévia

Os comentarios están pechados.