Peche das charlas d’A revolta dos Mestres

Parece que xa hai máis tempo pero aínda non pasou un ano desde que se publicou o primeiro volume d’As Crónicas de Bran. Durante o 2013 vivimos a experiencia de levar por toda Galiza (ou cando menos, por onde quixeron contar con nós) este libro que marcou o inicio da triloxía de cara ao público. Tivemos momentos moi bos e algún que outro un tanto desmotivador pero non podemos negar que, en conxunto, todo o que aconteceu neste ano superou todas as expectativas que poideramos ter. Agora, cando xa se achega o momento de sacar á luz o segundo volume, contamos coa posibilidade de facer unha última parada. O guión a seguir non está nada claro porque, sinceramente, o público asistente será pouco e, o máis probable, vellos coñecidos que xa asistiron a máis de unha charla sobre estas Crónicas. Aínda así, este pequeno inconveniente servirá de motivación para que o contido da tertulia adquira matices máis profundos e intimistas e que nos podamos permitir o luxo de falar de cousas que, a priori, non saen nas presentacións habituais.

Xa sabedes, mentres tomamos alento para comezar a nova travesía pola que nos levará ‘A porta de Annwn’, este Martes 28 dirémoslle ‘deica logo’ á nosa particular revolta.

Os mellores libros do ano en Fervenzas Literarias

Un ano máis, a web “Fervenzas Literarias” organizou a súa enquisa de fin de ano para elaborar a listaxe dos mellores do 2013 no eido das letras galegas, clasificándoos en diferentes apartados. Durante toda a mañá, e parte do serán, estivemos moi atentos a como se ía desenvolvendo a publicación dos seleccionados e, cal foi a nosa sorpresa, cando ‘As Crónicas de Bran’ aparecían nos grupos de “Mellor portada Infantil e Xuvenil” en segunda posición e no de “Mellor libro Infantil e Xuvenil” en sétimo lugar. Hai que destacar que é especialmente meritoria a segunda posición da ilustración xa que, nesa categoría, o noso artista José María Picón tivo que loitar cos fantásticos deseños que neste ano cubrían as portadas dos libros para os máis pequenos. Desde aquí, aos poucos que poidades ler esta nota, moitas grazas aos que participastes nesa enquisa e nos tivestes en conta.

“Mellor portada infantil e xuvenil 2013”

“Mellor libro xuvenil 2013”

Presentación na Biblioteca Infantil e Xuvenil

Pois aló imos a acometer unha das últimas presentacións de este primeiro volume. Achégase a fin deste ano e, con ela, o momento de facer o cambio á promoción do segundo libro que sairá na vindeira primavera. Mais, mentres tanto, non podemos despedir de mellor xeito este ano celta que viu nacer a Bran que facer un acto conxunto con Vanesa Santiago e no meu fogar adoptivo.

Momento de facer balance

Pois si, penso que é un bo momento ou, cando menos, igual de bo que calquera outro. O ano pasado traballamos moi duro para lle dar forma ao primeiro volume da triloxía. Xa foi mediado Febreiro cando o texto e as ilustracións estiveron listas para metelas no prelo e que Sacauntos lle dera entidade física. Desde aí, e coa fame negra de facelo chegar a tódolos currunchos posibles, foi un non parar.

Non foron máis de cinco meses desde aquel 7 de Marzo no que fixemos a primeira presenta no Joana’s Place d’A Coruña e, sinceramente, parece que pasou media vida. Se botamos a vista atrás non é para menos xa que, ao tonto, logramos bater as escuras ás do noso corvo en moitos, moitos lugares:

-Joana’s Place (A Coruña)
-O Curral do Marqués (Taragoña)
-Livraría Suévia (A Coruña)
-A mediados de Abril aparecíamos na 5ª posición no Taboeiro do Libro Galego na sección de Narrativa
-Á lus do candil (Arteixo)
-Feira do Libro de Ferrol
-A finais de Abril acadábamos a 1ª posición no Taboeiro do Libro Galego na sección de Narrativa
-3º encontro da Nova Fantasía Galega na Feira do Libro de Compostela
-AAVV Atocha – Monte Alto (A Coruña)
-Feira do Libro de Lugo
-Libraría Carricanta (Betanzos)
-Libraría Cartabón (Vigo)
-Feira do Libro de Rianxo
-Outlet do Libro de Muxía
-Feira do Libro d’A Coruña

Como vedes, non está nada mal para pouco máis de cinco meses e, namentres, escrita a segunda parte (que xa está en revisión na editorial) e xa van case 100 páxinas da terceira e definitiva. Para o vindeiro mes comezaremos a currar no apartado gráfico do segundo volume que irá na mesma liña ca o primeiro: letra capital precedendo cada un dos capítulos (dez nesta ocasión máis unha sorpresa extra) e unha ilustración a páxina completa tamén para cada un deles.

Está claro, despois de tantos lugares diferentes, que houbos charlas mellores e peores, sitios cheos de xente e outros non tanto mais, o que si temos que agradecer, sempre contamos con alguén que se achegou a coñecer a Bran e a todos os personaxes que o acompañan nas súas Crónicas; sempre houbo quen preguntaba pola Señorita Curuxa ou polo Mestre Alquimista e tamén quen se declarou fan incondicional de Lord Daru ou os que gozaron da anárquica tolería dos trolls que atacaban a aldea de Landeiras.

Ás veces pregúntanme que como vai o libro, que se vendemos moito, que se está a funcionar… Se teño que ser sincero, non teño nin idea e supoño que a editorial tampouco (ou cando menos até que se faga a liquidación coa distribuidora) pero si que podo dicir que para min xa funcionou. Fíxoo no mesmo momento en que dous tolos confiaron en que esta historia merecía, cando menos, ser impresa e sacada ás librarías. E que dicir de todas e cada unha das persoas que están dentro deses locais e librarías que nos abriron as súas portas, sen eles tería sido inútil calquera tentativa de viaxe e promoción. Grazas a todos.

Mais a vida segue e hoxe mesmo imos falar da posibilidade de entrar no circuíto de charlas de este outono nas Bibliotecas Municipais d’A Coruña. E, por suposto, haberá que darlle á cachola para pensar que máis podemos facer durante este longo inverno que temos por diante antes de sacar o segundo libro… que aínda non somos famosos (nin tan sequera coñecidos) como para que nos veñan propor cousas a nós…