..1.. O cantar do mar entre as pedras

Un fresco bafo que emerxe da verde matogueira coa que se cubren os salvaxes outeiros. Unha branca brétema que se deixa escorregar polas molladas pedras da beiramar, resistíndose á quentura do sol que loita por arrincala da herba dos acantilados. Así son as costas da nosa terra, as que me viron nacer e medrar, as que marcaron, coa súa marusía de recordos, todas e cada unha das páxinas desta aventura. Benvidos ás Crónicas de Bran.

..2.. O control dos ceos: Cepelíns

Unha constante en toda a novela é a demostración infinita de forza que supón ter o poder de voar. As máxicas invocacións de Curuxa e Môrrigan para transformarse en aves, o maxestuoso voo do Dragón Roxo cando emerxe do interior da Montaña Sagrada… Mais se algo sorprende nesta primeira parte das Crónicas, se hai unha cousa que infunde asombro e temor á vez, é a travesía aérea dos cepelíns comandados polo Nigromante Aaru.

..3.. Os cans da guerra: Trolls

Os Trolls que aparecen nas Crónicas de Bran son salvaxes rastreadores, bestas cazadoras e coa intelixencia xustiña para mastigar palabras nun dialecto case incomprensíbel para alguén que non pertenza á súa raza. Non son fieis a nada nin a ninguén (nin tan sequera a eles mesmos) e mantéñense en grupos por conveniencia ou por medo. Como todo animal de rapiña, son avarentos e desconfiados, chegando a verse en perigo tan só polas súas teimas.

..4.. A forza do guerreiro: Orcos

Os orcos constitúen o grupo armado máis numeroso do exército da Terra da Nada. Ocupan un grado militar inferior aos Guerreiros Demoníacos pero poderiamos dicir que se auto-xestionan. Teñen certa intelixencia e levan a súa xerarquía interna de casta gravado no seu sangue e transmitida de pais a fillos de xeito que, sen ningún tipo de dúbida nin cuestión, as ordes do líder son seguidas e obedecidas aínda que leven a unha morte segura. Gustan de formar un grupo numeroso e, de verse reducido, móstranse nerviosos, alterables e inseguros.

Toda historia ten un lugar…

Algún sabio dixo unha vez “toda historia de fantasía ha ter un mapa”. O máis curioso foi que eu non o pensara até ese momento mais, sen sabelo, na miña cabeza estaban todos eses malditos lugares, costas, ríos, lagos, mares, fins do mundo… e así foi como, sen querelo pero estando, apareceu o mapa do ‘mundo’ de Bran.

No primeiro tomo viaxaremos dende o Palacio Áureo de Elawei até a Terra de Alba navegando polas salvaxes correntes do Río Cofí. Visitaremos os acantilados que se erguen sobre o Mar do Norte e salvaremos pedras que emerxen das altas mareas para chegar ás praias dominadas por Lesmas de mar e Dragóns Peludos. Todo ese esforzo para acabar metidos nunha batalla a morte entre a tribo dos Pictos e as tropas demoníacas da Terra da Nada capitaneadas polo Nigromante Aaru e a súa armada de aeronaves.

Parece pouca cousa para ollos acostumados a ver (e a ler) fantásticas historias de aventuras pero…a quen lle toca ‘padecer’ todo isto é a un pobre mozo chamado a tomar o control da cidadela dourada pero que, tras a Revolta dos Mestres, só é un prisioneiro máis que chora por unha brisa de aire fresco.

E, talvez, todo isto só vaia diso. Dun húmido e fresco vento que emerxe do mar e que bate nas nosas facianas para traernos arrecendos, emocións e estúpidos contos de vellas que pensábamos esquecidos.

Benvidos ás Crónicas de Bran.