O suspiro da Curuxa

Branca semente do bosque
que voa na procura do seu ser.
Rota fervenza de bágoas
que non lle deixan ver
a feble luz da súa alma.

Bate as túas mudas ás e voa,
lonxe dos pecados, das mortes.
Suspira para encher o peito,
por tentar botar fóra
o ardente xemido

que te afoga.

O corazón da Mestre Carteira é unha enorme laxe que lle preme o peito, que afoga a súa alma na máis escura das miserias. A súa primeira aparición na historia de Bran é un rebumbio de nervios, présas e preocupacións banais. Ofrécenos unha imaxe mundana, cotiá, case insípida e tan só aderezada con pequenas doses de humor que nos leva a sentir mágoa por esa vella torpe. Mais, co transcorrer dos acontecementos, podemos apreciar unha metamorfose nos seus diálogos, no seu comportamento co resto de protagonistas da novela e, sumándose ao dramatismo do último arco argumental, chegamos a entrever parte do seu pasado e as súas verdadeiras intencións.

Nin que dicir ten que, para min, a Señorita Curuxa é un dos meus personaxes favoritos deste primeiro volume d’As Crónicas de Bran.