O latexar da fraga

O noso Alquimista non deixa de viaxar sobre a fina e borrosa liña que separa o ben do mal. Cada paso que da, cada acción, todo o que fai semella estar tan medido, tan calculado, que desde a primeira páxina desconfiamos abertamente de el e das súas intencións. Môrrigan leva o nome da deusa da guerra e da destrución mais o seu corazón está cheo do rumor da fraga, do cheiro da herba. É capaz de salvar aos nosos protagonistas de terribéis perigos e, no seguinte capítulo, considerar a posibilidade de sacrificalos para acadar a súa meta. Mais, ese é o seu escuro segredo, que misterio agocha na súa alma? cal é a súa meta?

O frío aceiro da mirada
que alumea, mais enmascara,
a vella face engurrada

Crebado o espírito,
fendida a esperanza,
do carballo durmido
no corazón da fraga.

O mal que o axexa na súa mente
que resiste, que se agocha
no recordo da perdida Nimue

Consumido o tempo,
esgotadas as forzas,
do corvo que lento
voa máis alá da porta

maldita de Annwn.

..8.. Na fina liña entre o ben e o mal: Môrrigan

Môrrigan é o druída da nosa historia e un dos máis respectados no grupo de Mestres de Elawei. Ao igual que Curuxa é de orixe picta, procede da terra de Alba e na viaxe cara a esas costas verdes e salvaxes, correspóndelle facer o papel de mentor e protector de Bran. O seu comportamento co mozo é afable e cordial mais a súa face está permanentemente ensombrecida pola negra silueta do corvo.